Nun contexto emocional de exilio e republicanismo, na década de 1840, o gramático venezolano afincado en Chile, Andrés Bello, e o escritor e intelectual arxentino Domingo F. Sarmiento, protagonizarán un gravísimo conflito ao propoñer unha ortografía americana do español diferente á que dictaba a Real Academia Española. Tanto en Bello como en Sarmiento existía un claro trasfondo de patriotismo nas súas propostas de reforma ortográfica xa que no clima independendista no que se formulan era evidente o desexo de alonxarse das propostas da Academia Española sentidas como unha dependencia a respecto de España. Sentido patriótico e político tiña en efecto unha reforma que, basada en criterios fonéticos, aspiraba a simplificar a aprendizaxe da ortografía achegándoa á fala popular. Estas razóns e o prestixio dos defensores das mesmas provocaron a adhesión dalgunhas universidades e non poucos medios de comunicación en toda Hispanoamérica.