25/07/21 Acredito que todas as persoas somos cidadás do mundo. Mais, como xa escrebín hai anos nestas páxinas de MUNDIARIO, o patriotismo non bate co universalismo, Para sermos persoas precisamos raíces e para pensarmos globalmente precisamos actuar localmente. Somos europeos e cidadáns e cidadás do mundo por sermos galegos. Dixen cidadanía. A Patria, ou Matria é un proxecto cívico, unha vontade colectiva e dinámica non pechada nas esencias. Mais definirmos dende a vontade de sermos Nación no canto de facelo dacordo cunhas supostas esencias definidas hai cen anos non quita para que avaliemos en todo o seu significado o que fixeron polo País os nosos devanceiros, ao lle dotar a unha Terra derrotada e sometida en tantas ocasións (incorporación do Reino de Galicia ao de Castela no 1230, derrotas do partido galego a prol da independencia e da unidade con Portugal nos 1369 e 1374, doma e castración do Reino de Galicia pola raíña Isabel a Católica entre 1479 e 1486, división do Reino en catro provincias en 1833, sanguiñenta represión da revolución nacional de 1846…) de nidios sinais de identidade. Velaí o Himno Nacional Galego de Veiga e Pondal (1907), o primeiro recoñecemento oficial da bandeira galega (A Coruña, 25 xullo 1921) ou a consideración polas Irmandades da Fala do 25 de xullo como Día de Galicia, como Día da Patria (1920).