Nova liña de axudas para a promoción do pequeno comercio
O Concello tamén asinou un convenio de reactivación con bonos de estacionamento
A corporación municipal aprobou onte as bases reguladoras da convocatoria de axudas para actividades de promoción e dinamización comercial, que contan cun orzamento de 75.000 euros. Segundo informou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa, as subvencións, que corresponden a anualidade de 2021, están destinadas ás asociacións de comerciantes ou entidades representativas de pequenas e medianas empresas comerciais legalmente constituídas, e sen fin de lucro.
Entre os requisitos para acceder a estas axudas é preciso que as asociacións conten cun mínimo de 15 establecementos asociados; que o 60% dos seus establecementos asociados pertenzan ao sector comercial; ou non estar integradas por empresas comerciais que operen en mercados municipais suxeitos a concesión administrativa. Entre as actividades promocionais que poden optar a esas axudas están os sistemas de fidelización a través de servizos dirixidos á clientela cuxa finalidade sexa aumentar as vendas, atraer novas persoas consumidoras e satisfacer os seus intereses; actividades de animación na rúa directamente vinculadas ao proxecto de promoción ou incentivador dun consumo correspondente; ou campañas de promoción en medios de comunicación ou en soportes publicitarios, así como elaboración de material promocional, que se orienten a potenciar as distintas tempadas ou fitos con relevancia.